SUCRASTOS.
PARROQUIA: Navia.
CÓDIGO XACEMENTO: Sen Catalogar.
No lugar de Quintela, Navia, Vigo, na media encosta situada entre o outeiro d’O Muíño do Vento –que foi castro– e a ribeira dos Campos do Río, na foz do Lagares, localízase un discreto afloramento granítico no sitio de SUCRASTOS.

Fonte planimetría: Clube Espeleolóxico Maúxo.
Inmerso nunha zona residencial urbanizada daquela maneira, conserva unha laxe, a máis á vista no medio do mato, cunha superficie case plana, a nível do chan, na que se poden distinguir gravados. Son as bases de tres muíños rupestres e un petróglifo formado por seis coviñas dispersas, un pequeno círculo con coviña central e pouco máis que algún suco a maiores; todo con escasa profundidade e moita pátina.
O potencial arqueolóxico do sitio foi dado a coñecer en 1999 nas investigacións do Clube Espeleolóxico Maúxo, en concreto nas Actas do Congreso Internacional de Arte Rupestre celebrado en Vigo aquel ano, onde figura co nome de Sucrasto (Costas, JB.). Daquela non se tivera ocasión, espazo dispoñibel, e iso que as actas foron editadas en formato CD-R, para publicar a planimetría dos gravados deste interesante grupo; cuestión agora corrixida coa edición da imaxe adxunta procedente dos arquivos do Clube Maúxo.
Conste tamén, como a data de hoxe, mes de Santos de 2018, ainda fica pendente que as autoridades (municipais e da Xunta) cumplan co debido rexistro deste xacemento arqueolóxico localizado no concello de Vigo e que ten o interese engadido de contar con outros grupos de gravados e muíños prehistóricos próximos (estes xa debidamente catalogados; en Quintela-Outeiro de Reinado ao norte, nas Laxielas ao poñente, por poñer dous exemplos perto de Sucrastos) aos que habería que engadir os demáis petróglifos coñecidos na mesma zona da parroquia de Navia (As Cavadiñas, por ex.) e algún que outro petro inédito máis.
Deja una respuesta