Posteado por: angeldeprado | 17 abril 2021

Novo petróglifo de Cal de Outeiro

CAL DE OUTEIRO.

Nesta terra tan rica en bens patrimoniais como en desfeitas arqueolóxicas, non é ningunha sorpresa que continúen aparecendo máis e máis petróglifos inéditos. Marabilla de país este onde –quizáis en compensación polos moitos xacementos destruídos por maquinaria forestal e outras– tamén existe a posibilidade de ver renacer laxes ou penedos con gravados rupestres descoñecidos. É o caso.

A resurrección deste petróglifo –non hai dúbida vistas as pegadas– debémola á práctica do ciclismo de montaña. En efecto, de tanto baixar pola Cal de Outeiro, as rodas das bicicletas acabaron por deixar á vista o que as fotografías mostran, e o que esta outra imaxe permite perceber mellor.

O deseño, abstracto, resulta de todo orixinal. De certo pensamos que é tan raro, inusual, que case seguro estamos diante dun motivo senlleiro, único. En todo caso, non se trata dun circulo concéntrico máis. Xa postos, atrevémonos a describilo como unha combinación circular segmentada en irregulares rectángulos dispostos en espiral ao redor dun centro bipolar. Con licenza para o uso do anacronismo, a imaxe mesmo semella suxerir certo carácter heráldico. Polo tipo e pátina dos sucos, a súa cronoloxía prehistórica é indubidábel.

Interesa subliñar que o petro localízase dentro –ousamos indicar que no centro– do terreo onde se localiza un dos cinco xacementos ao aire libre da prehistoria recente documentados no que hoxe é o concello de Vigo, o único da parroquia de Saiáns. Emplazado nunha abrigada chanciña encostada en cotas intermedias do Maúxo septentrional, o local domina a inmediata costa sur da ría de Vigo e, perto, conta con abundantes acuíferos e axeitadas zonas de pastoreo e cultivo.

O lugar foi usado como asentamento humano fará uns catro mil anos. Entre as evidencias arqueolóxicas aquí documentadas, algúns anacos de cerámica como os que poden ver na fotografía indican, precisamente, ese tan ben coñecido momento campaniforme da Idade do Bronce.

Fragmentos de cerámica campaniforme de Cal de Outeiro. Fonte Clube Espelolóxico Maúxo.

O xacemento nunca tivo a fortuna de ser escavado. Mesmo custou esforzos e tempo de máis, acadar que fose debidamente catalogado polas autoridades responsábeis do patrimonio cultural do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia.

Descubríuse por obras públicas realizadas (sen control arqueolóxico) a finais da década dos anos 1980, cando se creou o Parque Forestal Municipal que desde aquela ocupa esta parte do Monte en Man Común de Saiáns.

Parte dos materiais arqueolóxicos que agromaron con aquelas obras foron recoñecidos ao chou por membros do Clube Maúxo que notificaron os feitos, depositaron os materiais recuperados no Museo Quiñones de León, presentaron o caso no XXIIIº Congreso Nacional de Arqueología celebrado en 1995 na cidade de Elche (Elx, Alacant, València) e, ao fin, acadaron que as autoridades verificasen e catalogasen o xacemento: GA36057126.

Con todo, no ano 2008 novas obras ampliaron os accesos e a superficie do propio Parque Forestal afectando o xacemento outra vez. E de novo perdeuse case toda a información arqueolóxica xa que tampouco houbo nengún control arqueolóxico. Apenas o Clube Maúxo documentou a desfeita recollendo algún material lítico e cerámico ciscado pola superficie afectada.

Agora que as bicicletas descobren que en Cal de Outeiro tamén hai unha mostra da arte rupestre galega tan interesante, quizáis chegou a oportunidade para que as autoridades competentes tomen medidas máis acertadas que no pasado. Nós, dubidámolo. 

Para saber máis:

COSTAS GOBERNA, José Bernardino & GROBA GONZÁLEZ, Xavier (1995): “La transición hacia la Edad del Bronce en el municipio de Vigo (Galicia). Asentamientos inéditos del Maúxo y su contexto”. Actas del XXIIIº Congreso Nacional de Arqueología. Elche: Vol. I, pp. 97-108.

VV.AA. (2004): O Folón (Coruxo) e as outras covas do sur de Vigo. Coordina: Clube Espeleolóxico Maúxo. Vigo: Asociación Veciñal de Coruxo, p. 40.


Responses

  1. […] Mais información: Novo petróglifo de Cal de Outeiro | Petroglifos do Maúxo (petroglifosdomauxo.com) […]


Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: