Teoría

 

Cavidades Naturais e Insculturas Rupestres no Suroeste Galego.

por José Bernardino Costas Goberna, voceiro do Clube Espeleolóxico Maúxo[1].

Actas do Congreso Internacional de Arte Rupestre (Vigo-1999) editadas en CD-R polo Concello de Vigo.

Intencións.

As investigacións que dende 1988 vimos realizando no Clube Espeleolóxico Maúxo, CEM, Vigo, permítennos afirmar que nos espacios naturais soterrados da xeografía das Rías Baixas, encóntrase información determinante para poder avanzar no estudio da arte rupestre galega e, globalmente, no coñecemento do proceso de neolitización desta parte do país. Os datos dispoñibles, confirman que as covas e grutas desta xeografía -cavidades naturais que moitos seguen a iñorar, mesmo afirmando a súa inexistencia- son á vez numerosas e variadas. As conclusións aquí resumidas deben considerarse circunscritas os concellos do SO galego mencionados, zona especialmente rica e singular, como veremos axiña, si ben, coidamos probable a súa extrapolación a outras zonas veciñas.

  1. Historiografía e características dos Muiños Rupestres.

O estudo do mundo dos petroglifos galegos decatouse, durante a segunda metade dos anos setenta, da existencia dun tipo de inscultura ata o daquela inadvertida. En 1979, Xose Suárez Otero, observa en Cangas do Morrazo, gravados compostos «(…) dunha pileta rectangular central (…)»; estas, identifícaas en catro grupos distintos. A precaución do autor na súa interpretación, «Ideograma tipo Olleiros II», non lle impide indicar: «a importancia desta estructura formal, como nolo veu a demostrar a súa posición predominante e casi esclusiva nunha estación como a da Alada ou nunha pena como nos Olleiros II, o que nos indica que en ambos casos a súa razón de ser xirou enteiramente en torno esta»[2]. Estas novas son recollidas ó ano seguinte por Alfredo García Alén e Antonio de la Peña no libro: Grabados Rupestres de la Provincia de Pontevedra. Así tamén, gracias a esta obra sabemos hoxe cós casos estudiados no Morrazo non son os primeiros coñecidos; en 1976, Ruíz González, dera novas dun petroglifo nas Neves[3] onde, xunto a un interesante gravado rupestre, describe «una oquedad de base de molino plano».

En realidade, simultaneamente son varios os investigadores que se decatan da existencia destes artefactos. Así, Xoan Martínez do Tamuxe da conta da existencia deles nas terras de Torroso (A Guarda-O Rosal)[4] identificando en catro grupos de petroglifos unhas «escotaduras de forma rectangular». Cabe destacar que o autor apunta xa daquela estar ante «piletas rectangulares de finalidade industrial (…) molinos de fricción (…) molinos naviculares»[5].

Mentras tanto, na ribeira sur da ría de Vigo detéctase a abundante presencia destas «cazoletas rectangulares»[6] que logo van ser definidas como «piletas longitudinales de sección navicular»[7]. Neste senso, a edición do Petroglifos del Litoral Sur de la Ría de Vigo, supón o impulso definitivo no estudio destas «piletas». Neste traballo, F. Javier Costas Goberna e Xulio Fdez. Pintos analizan 14 grupos[8], adoptando os autores unha postura precavida apuntando a posibilidade de que nelas se efectuase algún tipo de moenda manual. Nesta liña de investigación seguíuse traballando nos anos seguintes, en 1987 asinanan ambos autores citados o que víu a ser a primeira ampliación do título anterior, facendo constar a existencia de tres novos grupos de Muiños Rupestres[9], sendo logo, Xulio Fernández Pintos, quen crarificará noutro traballo, o modelo formal do que entendemos hoxe por Muiño Rupestre, establecendo cinco tipos morfolóxicos coherentes, definidos en relación o número e características dos compoñentes que conforman o durminte (Lámina 1. A)[10]. O estudo, ainda inédito, verifica as intuicións anteriores que consideraban non estar ante un tipo máis de ideograma -ou petroglifo- senon diante de obxectos, artefactos útiles, funcionais, industriais como diría Tamuxe; concretamente ante durmintes de equipos de muiñada establecidos ó aire libre, na superficie das rochas da paisaxe granítica, é dicir, teñen por característica fundamental a de non ser transportables, móbiles: son muiños fixos.

Á péculiariedade formal destes muiños[11], úneselle o gusto por aparecer en grupos e cunhas pautas de disposición no soporte granítico que semellan ter unha carga simbólica particular e, aparcando agora esta problemática, demostran coindir espacialmente cos petroglifos propios da arte rupestre galega, siñificativamente asociados a gravados de combinación circulares e coviñas. Vai ser novamente Xulio Fernández Pintos quen estudie primeiramente os distintos tipos de asociacións que se establecen entrambos o que lle permitirá decarse que estas posibilitan, polo momento de xeito relativo, considerar unha cronolóxica plausible para o incio da arte rupestre en Galicia[12]. Analiza o autor 36 grupos de Muiños Rupestres; os 26 grupos dados a coñecer con anterioridade e 10 grupos máis ata o daquela inéditos[13]. Posteriormente, e a traverso da páxinas da prensa diaria viguesa, o mesmo autor recensiona os seus estudios[14] e mesmo da conta de dous novos grupos descubertos en Vigo[15]. Pola súa parte Fernando Javier Costas, o redeestudiar en 1989 o grupo I do Tetón de Tebra, Tomiño, coñecido desde a década dos anos cincuenta[16], documenta a existencia de piletas de sección navicular en dous sectores deste petroglifo facendose eco explícitamente da tese exposta por Pintos[17].

Centrándonos agora nas investigacións realizadas polo CEM, iniciadas en 1988, damos noticias nos congresos Gallaecia II e III (A Guarda 1990 e 1993), entroutras informacións, da existencia dunha grande densidade de Muiños Rupestres na zona sur de Vigo – Norte de Nigrán, editados finalmente no título Os Petroglifos do Maúxo [18]. Sen contar agora cos xa descubertos na zona pola bibliografía previa, trátase de 17 novos grupos[19], que viñéronnos confírmar as teses expostas por Fdez. Pintos; tanto nos aspectos formais dos artefactos, como na diacronía que se evidencia onde conviven muiños e petroglifos: son sempre os primeiros os que ocupan a zona preferente das rochas e mesmo, nunha porcentaxe siñificativa, a superficie navicular dos durmintes aparece selada, inutilizada por cazoletas, coviñas, etc. Con todo, a tónica xeral dos 90 cae baixo a política autonómica de restriccións cara a investigación patrimonial[20], polo que non estraña a pouca repercusión do tema. En relación ós Muiños Rupestres, é xusto advertir que outros autores[21] voltan estudiar algúns dos grupos xa coñecidos, ainda que a bibliografía sobre o tema non sempre sigue a liña de investigación apropiada e danse opinións infundadas e pouco rigurosas que complican o panorama o malinterpretar os Muiños Rupestres como, por caso, «posibles moldes de fundición da Idade do Bronce»[22]. E o que é menos comprensible, iñorándose estes no mundo académico e administrativo, cuestión esta que semella ir correxíndose últimamente tanto a nivel teórico[23] como práctico[24].

A xeito de conclusión deste apartado imos actualizar a relación entre a arte rupestre e os muiños rupestres. Coñécense 174 Muiños Rupestres repartidos en 63 grupos. Destes, 22 grupos non teñen gravado algún no mesmo soporte (o que supón o 34’9%). Do resto, onde si se dan asociacións, en 23 grupos (36’5%) muiños e Arte Rupestre comparten o mesmo soporte ainda que sen interferencias directas -xustaposicións-. En 10 grupos (15’8%) comparten o mesmo soporte constatándose como sucos ou combinacións circulares afectan ó durminte dalgún dos muiños e, finalmente, son 6 os grupos (un 9’5%) onde algún dos muiños do grupo está selado por coviñas ou cazoletas que o inutilizaron funcionalmente[25].

Deducimos así a independencia destes equipos de moenda verbo da arte rupestre e tamén que o uso dos priemiros tivo lugar nun intre previo ó corpus do Grupo Galego de Arte Rupestre. Os datos tamén apuntan a probabilidade de estares ante certa continuidade cronolóxica entrambos, habida conta a siñificación cultural que vai máis alá da elección dos mesmos soportes e paisaxes, ó constatarse que case dous tercios dos casos reutilizaron os durmintes como un motivo máis da composición gravada, non sendo destruídos senon asimilados na composición resultante. Así, se nos deixamos levar polos postulados máis clásicos na prehistórica galega, onde os petroglifos se circunscriben á Idade do Bronce, estes muiños rupestres serían anteriores ¿Calcolíticos? Se como apuntan últimamente algúns autores, a cronoloxía dos petroglifos galegos rupestres se establece realmente na cultura calcolítica, estes durmintes serían plenamente neolíticos. Neste contexto é onde adquire relevancia o caso daqueles Muiños Rupestres relacionados con cavidades naturais.

  1. Muiños Rupestres e cavidades naturais.

Dende as primeiras identificacións de Muiños Rupestres, a maioría dos investigadores teñen reparado, con maior ou menor enfase, na ubicación preferente que se observa destes en zonas abrigadas: ós pes de grandes pedras, xunto penedos ou cornisas, nas abas encosta máis protexidas, en outeiros e promontorios rochosos e mesmo no interior de covas. A día de hoxe, de entre a treintena de cavidades naturais avaliadas polo CEM -sen dúbida só unha pequena parte da riqueza total en covas naturais da paisaxe granítica da provincia de Pontevedra[26]– destacamos cinco casos:

Coto da Moura (Lámina 2 B). Tamén coñecido como Coto do Corazón. Localízase ós pes occidentais da serra do Galiñeiro, na parroquia de Chaín, Gondomar. Nesta paraxe obsérvanse tres grupos de muiños rupestres. Dous grupos localízanse ó aire libre, un (formado por dous muiños «tipo 4»[27]) abrigados pola cornisa resultante dos bolos graníticos, outro (un muiño «tipo 4») abrigado pola súa ubicación no propio coto. Entre eles, un estraño ideograma liñal ubicado frente da cavidade que domina o promontorio. Dentro dos tipos posibles de cavidades que se dan nesta paisaxe granítica, o Coto da Moura responde a «asociación de microformas y formas menores, de tipo taba y aspillera, formas tipo cachola con meteorización en colmena (wethered in honeycomb mode) y formas puntuales tipo pila y tafoni»[28]. É dicir, a cavidade é o resultado do furado interno do bolo granítico pola acción erosiva das mencionadas ‘formas’, neste caso cacholas superpostas en panel. Na superficie rochosa da cavidade temos dous muiños rupestres (un «tipo 3», outro «tipo 5») asociados a sucos liñais, coviñas e cazoletas coñecidos xa desde 1979 e amplamente documentados[29].

Outeiro das Campanas. (Lámina 2 A). Localízase na banda occidental do Monte Castelo por riba do barrio da Lama e do Chouso, Camos, Nigrán. A cova confórmanna un conxunto de bolos graníticos fendidos e furados cun espacio aberto contra o poñente, escalonado e que o mesmo tempo ofrece distintos sitios abrigados. A topografía, ante as circunstancias de estudio[30], non recolle a totalidade do espacio de interese. Como se observa na tipografía anexa, no interior do abrigheiro, na superficie dunha laxe solta -ainda que imposible de mover sen axuda mecánica, ou moito esforzo- temos o durminte dun Muiño Rupestre «tipo 4». Facer notar tamén, a existencia de dous rebaixes ovais labrados con siñificativa profundidade e superficie ben patinada que, dadas a súa ubicación, distancia e dirección entreambos rebaixes, fannos deducir serviron como escalóns de acceso. Finalmente, a oito metros ó Este do abrigeiro, e sobre a superficie dun dos penedos máis altos do Outeiro das Campanas, obsérvase un grupo de dous reticulados (prototipos do xogo coñecido como «pai-fillo-nai») que dado a pouca pátina dos sucos, e o feito de seres realizados con instrumental metálico, fannolos considerar de cronoloxía dispar ó anterior: probablemente realizados polos rapaces da parroquia cando subían co gando ó monte, costume que ata a década dos anos 60 tiña a súa relevancia e que hoxe continúan algúns veciños.

Peneites. (Lámina 1 B). Outeiro ó N.E. da Chan de Rapadouro, na zona Suroriental do Maúxo, aquí coñecido como Sanomedio[31]. Estamos en terras da parroquia de Chandebrito, Nigrán. A zona é coñecida desde mediados da década dos oitenta estando amplamente documentada tanto polo zoomorfo gravado no cume do outeiro, como pola existencia dun grupo de dous Muiños Rupestres (ambos do «tipo 2») no limiar da cova. Nun lacolito alcalino, con clara tendencia leucocrática e presencia de facies de grano medio-groso, no que predomina certo plano de foliación xenética, a cavidade ubícanse na ladeira meridional do outeiro e poderíamolo describir como un habitáculo seco formado por unha grande losa granítica asentada noutras penedas. As condicións do refuxio, permitiron conservar perfectamente pulido parte do durminte dun dos equipos. A finais do verán de 1996 tivémo-la sorte de identificar ó chou, nun estremo da superficie da cavidade, un fragmento de granito traballado que presenta, ademáis da morfoloxía e perfil axeitados, parte da súa superficie pulida, froito precisamente do seu uso como moa nun dos muiños rupestres do grupo en cuestión. Trátase do primeiro fragmento dunha moa adscribible claramente a este tipo de equipos de moenda. O achádego compleméntase con outra peza de cuarzo tallada e, sobre todo, coa veciñanza da Cañoteira. Outeiro que acolle na aba N.O. unha pequena cavidade baixo dun caos de penedas. A zona presenta unha importante modificación, principalmente na súa banda S., por mor dos traballos de canteiría realizados nos derradeiros anos. Neste caso, os Muiños Rupestres atópanse repartidos en dous grupos nas inmediacións do abrigheiro. Un deles no cumio do propio outeiro, ó caron do penedo superior que lle sirve de abrigo. Son dous muiños, cada un cos seus tres compoñentes ben diferenciados (logo, do «tipo 4»), asociados a combinacións circulares e, nun dos casos, presentando unha coviña que o víu selar. O outro grupo (un muiño do «tipo 4») localízase ós pes do outeiro, a uns 25 m. ó N.O. da cavidade e 60 m. do anterior grupo de muiños. Espalladas no mesmo soporte obsérvanse coviñas. Destacar asemade da veciñanza entre a Cañoteira e Peneites, a presencia doutros grupos de Muiños Rupestres nos arredores (Monte Avilleira, As Muradas, Preguntadouro e A Cañoteira, por citar os máis achegados) así como petroglifos, nunha zona rica en pastos e acuíferos (parte das fontes do Río da Rega), con indicios dunha actividade humana (ca. V-IV milenios B.P.) constatada xa nos xacementos das Tomadas e Chan de Rapadouro[32].

Monte dos Arruídos III (Lámina 2 C). Ainda descoñecemos o topónimo concreto. Localízase a 300 m ó Oeste da «Pedra das Procesións» e demáis petroglifos de armas de «Auga da Laxe», Vincios, Gondomar[33]. O grupo de muiños (tres do «tipo 4») encóntrase ó aire libre protexido do norte polo resalte do promontorio rochoso onde tamén se observa, no seu cumio, un pequeno petroglifo. Neste caso a cavidade está a uns 60 m. ó leste no grupo, na mesma paraxe rochosa duramente castigada pola extracción de pedra.

Non queremos rematar este apartado advertindo que, si ben a maioría dos grupos de Muiños Rupestres coñecidos responde a este patrón espacial (ainda que en moitos exemplos por desgracia o único que queda das cavidades e abrigos son restos de canteiría) existen tamén casos, especialmente os da Praia dos Muiños de Fortiñó, Saiáns, Vigo e o de Monte Ferro, Panxón, Nigrán (Lámina 1 C) que semellan botar por terra a hipótese exposta aquí, dado principalmente a falla de resguardo atmosférico que mostran hoxe. Con todo, outras cavidades graníticas, ainda sen contar con muiños rupestres no seu interior ou entorno inmediato, si teñen aportado outro tipo de probas da relevancia destes espacios durante a Prehistória Recente no país.

  1. Cavidades naturais e otros xacementos durante a Prehistoria Recente en Vigo.

Das covas avaliadas, destaca moi principalmente o sistema de cavidades de O Folón, Coruxo, Vigo. A día de hoxe trátase da cavidade granítica máis importante na Península Ibérica, tanto polas súas magnitudes (con -34 m de desnivel, 126 de curso de augas soterrado e, de momento, 478 m de desenrolo topografiado)[34] como pola súa riqueza espeleotemática e arqueolóxica. Neste aspecto, están constatadas no Folón tres fases cronoculturais (Calcolítico, Idade do Bronce e un terceiro altomedieval)[35] si ben hai que lembrar a existencia de indicios anteriores e posteriores, e que non se realizou actividade arqueolóxica algunha (mesmo a administracción autonómica se nega a incoar os expedientes solicitados para declarar este espacio sobranceiro como Ben de Interese Cultural) e o enxoval rescatado polo CEM, en depósito no museo ‘Quiñones de Leòn», segue a estar sen estudiar na súa totalidade. Dado o espacio dispoñible, dicir só que coidamos cun máis amplo a diverso uso destas cavidades, máis alá das explicacións ofertadas ata o dagora, e que só estudios máis en profundidade (e non só arqueolóxicos senon moi principalmente xeolóxicos) posibilitarán nun futuro enterder mellor esta marabilla da natureza (Lámina 1 D) cada vez máis cercada pola presión urbanística. O caso é que na mesma zona do Río da Rega, atópase outro sistema de cavidades, o da Porteliña, Freixo, Valadares, tamén con indicios arqueolóxicos da transición do III ó II milenio B.C. o que enriquece enormemente as posibilidades da zona, de por sí rica en petroglifos, muiños rupestres e xacementos arqueolóxicos ó ar libre: Maúxo.

Sen entrar agora noutras zonas si debemos lembrar o caso veciño de Cangas do Morrazo[36], onde como vimos existen Muiños Rupestres asociados ó Grupo Galego de Arte Rupestre e cavidades como a da Cunchosa, Aldán (que pasan por ser dos primeiros asentamentos neolíticos no país) e Cova da Loba, e os abrigos de Corral de Vara, e Cova Podre; vellas referencias que apenas son tidas en conta, abandonado todo como está.

—————————

[1] Considérense co-autores desta comunicación a Francisco Alonso, Eva G. Garcia, Miguel Garcia, Carlos G. Vázquez, Xavier Groba, Ana Míguez, Amelia Pérez, Francisco Rodríguez, Jesús Sueiro, Marcos Vaqueiro e David Vazquez. Colaboradores: Concepción Álvarez, Begoña Barreiro, Eduardo Méndez e Adrián Fernández.

[2] Cangas do Morrazo: 1 = Os Olleiros II, 2 = Os Olleiros III, 3 = A Xesteira, 4 = A Alada. Vid. Suárez Otero, X., «Os Olleiros, Nova estación de arte rupestre galego». El Museo de Pontevedra XXXIII, Pontevedra 1979, pp. 103-127.

[3] As Neves: 1 = Altamira (Taboexa). Vid. García Alén, A. e Peña santos, A. de la, Gravados Rupestres de la Provincia de Pontevedra. Pontevedra 1980, pp. 84-85

[4] A Guarda -O Rosal: 1= grupo IV da ladeira sur do Monte Facho, 2= Pico do Facho, 3= Eira da Bruxas 4= a 400 m do Alto da Campana. Vid. Martinez do Tamuxe, X., «Riqueza rupestre en el monte de Torroso», El Museo de Pontevedra XXXVI, Pontevedra 1982, pp. 241-252

[5] Por exemplo: «Aquí [Eira das Bruxas (Salcidos, A Guarda) al pie de los grupos rocosos [abrigo granítico] hallamos una típica escotadura rectangular (de las que ya hemos hablado) aunque con alguna pequeña diferencia tal como tener, en la parte inferior, una pileta, pero alargada y perpendicular al supuesto molino de fricción, labrado en roca viva. Esta pileta, que en otro lugar hemos llamado industrial compuesta siempre, como hemos indicado, [refírese sempre ó mesmo artigo no relacionado co Facho IV e o Pico do Facho] por otras dos piletas más. La superior, poco profunda y un tanto ovalada (…), la del medio (lo que consideramos el molino) es la más profunda (…) su tercera parte, tambien otra cazoleta, pero en este caso, único que conocemos, es alargada y perpendicular (…). En la misma roca (en situación plana) aparece otra piletita (…) Martinez do Tamuxe, X. Opus cit pp. 247-248.

[6] Hidalgo, J.M. e Costas, F.J., Prospecciones arqueológicas en los valles del Tea, Alvedosa y Miñor. Publicaciones del Museo ‘Quiñones de León». Vigo 1980, p. 47.

[7] Costas Goberna, F. J. et allii Petroglifos del litoral sur de la ría de Vigo. Publicacións do Museo ‘Quiñones de León», Vigo 1984. En especial vid. pp. 227-231.

[8] Redondela: 1 = Monte Penide, Negros; Vigo: 2 = Quintela, Navia; 3 = O Vivieiro, Coruxo; 4 = Outeiro do Castro, Coruxo; 5 = Os Pintos, Coruxo; 6 = Laxiadas, Coruxo; 7 = Carballoso, Coruxo; 8= Aguieira, Comesaña; Gondomar: 9 = Monte dos Pozos, Vincios; 10 = Santa Lucía, Vincios; 11 = Coto da Moura, Chaín; Baiona: 12 = Chan da Lagoa, Baíña; 13 = Regueiro do Retruco, Ramallosa; 14 = O Grichouso, Belesar [trátase dun só grupo]. Costas Goberna, F. J. et al., op. cit. p. 230 e anteriores.

[9] Nigrán: 1 = A Mazaroca, Chandebrito. Vigo: 2 = Monte dos Pozos, Valadares; e Gondomar: 3 = Chan de Prado, Morgadáns Vid. Costas, F.J. e Fdez. Pintos, X. «Nuevos petroglifos al litoral Sur de la ría de Vigo (Valles Fragoso y Miñor). Revistas Castrelos, nº 0, Vigo 1987, p. 68-70.

[10] Fernandez Pintos, X. «Estaciones de equipos de molienda rupestres en el Sur de la ría de Vigo». Pontevedra Arqueológica III  (no prelo).

[11] «Los productos que serían molidos en el macrocomponente recibían un preparado previo en los microcomponentes que, dadas las características técnicas peculiares de éstos, parece que consistía en descargar golpes sobre los productos depositados a tal efecto. Según denuncia el desbastado de los lugares de trasvase, los productos preparados eran empujados al macrocomponente, donde se molían» Fernandez Pintos, X. opus cit e seguinte cita p. 76-77.

[12] Fernandez pintos, X. «Asociaciones de combinaciones circulares a equipos de molienda rupestres en el N.O. peninsular». Actas do VI Coloquio Portuense de Arqueología (1987). LVCERNA. Cadernos de Arqueología do Centro de Estudos Humanísticos. Segunda Serie. Vol. III. Secretaría de Estado da Cultura. Delegaçao do Norte. Centro de Estudos Humanísticos. Porto, 1993, pp. 75-95.

[13] Gondomar: 1 = Monte dos Arruídos, Vincios; 2 = Santa Lucía II, Vincios; Nigrán: 3= Monte Ferro, Panxón; 4 = Peneites, Chandebrito; 5 = Preguntadouro, Chandebrito; 6 = A Lapela, Chandebrito Vigo: 7 = Praia dos Muiños, Fortiñó, Saiáns; 8 = Laxiadas II, Coruxo; 9 = Os Pintos, Oia. Redondela: 10: A Castellana, [Chan do Rato] Trasmaño. Fernández Pintos, X. «Asociaciones de combinaciones circulares a… Opus cit. p. 90-91

[14] Fernández Pintos, X. «Los Molinos Prehistóricos» Atlántico Diario, Vigo 18 de febreiro de 1990, p. 30

[15] Fernández Pintos, X. «Nuevos Petroglifos descubiertos en Vigo» Atlántico Diario, Vigo 4 de marzo de 1990, p. 30 Vigo: 1 = Couto dos Pedros I, Valadares; 2 = Couto dos Pedros II, Valadares.

[16] Fernández Rodríguez, M. «Nuevos petroglifos en la comarca del Bajo Miño» Actas do III Congreso Nacional de Arqueología – Galicia 1953. Zaragoza 1955, p. 353-361. Posteriormente tamén se ocupan deste grupo I do Monte Tetón, Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, Xoan M. do Tamuxe, B. Besada Romero, A. de la Peña e J.M. Vázquez Varela; principalmente dadas as dimensións da principal combinación circular do grupo. Vid. bibliografía en garcía Alén, A. e Peña, A. de la; Os gravados… opus cit p. 113.

[17] «Las piletas nos parecen semejantes a las definidas como de sección longitudinal navicular, identificadas como equipos de molienda [cita a Fernández Pintos, X. «Asociaciones de combinaciones… opus cit. ] aparecen en grupoe en el sector B y una aislada en el sector A y otra en el sector D.» Costas, F.J. «El petroglifo del monte Tetón de Tebra (Tomiño) Grupo 1. Petroglifos: levantamineto de calcos y fotografía.» Castrelos nº 1-2, Concello de Vigo, Vigo 1989. Idem vid. Costas, F.J. e Novoa, P. Los Grabados Rupestres de Galicia Monografía nº 6, Museo Arqueolóxico e histórico de A coruña, A Coruña 1993.

[18] Costas, J.B e Groba, X. «Informe inicial sobre el estudio arqueológico del Monte Maúxo. Concellos de Vigo y Nigrán». Congreso Internacional Gallaecia II, A Guarda 1990, (no prelo). Costas, J.B e Groba, X. «Nuevas aportaciones para la carta Arqueológica del Máuxo» Congreso Internacional Gallaecia III, A Guarda 1993, (no prelo). Costas, J.B e Groba, X. «Estado do corpus de petroglifos do Maúxo. Cento vinta e un petroglifos nas lindes dos concellos de Vigo e Nigrán» Informes CEM, Vigo 1994. Costas, J.B e Groba, X. «Os Petroglifos do Máuxo (Vigo e Nigrán) El Museo de Pontevedra, XLVIII, Pontevedra 1994, pp.129-231.

[19] Nigrán: 1= As Lagoas III, Priegue; 2= Chan do Petaco II, Priegue; 3= Outeiro das Requeixadas II, Priegue; 4= Chan das Requeixadas VI, Priegue; 5= A Cañoteira I, Chandebrito; 6= A Cañoteira II, Chandebrito Vigo: 7= Castro de Estea [Regueiro de Estea], Saiáns; 8= Cabezo de Saiáns I [Monte da Bandeira], Saiáns; 9= Outeiro dos Raposos; 10= Monte Pequeno, Oia; 11= O Carballoso II, Oia; 12= O Carballoso-Última Presa, Oia; 13= O Pontón, Coruxo; 14= Outeiro de Lucas II, Coruxo; 15= O Xestoso I, Coruxo; 16= O Xestoso II, Coruxo e 17= MOnte Avilleira I, Coruxo. Costas, J.B e Groba, X. «Os Petroglifos do Máuxo… Opus cit.

[20] Ó respecto consúltese nas Actas deste mesmo congreso a comunicación presentada polo portavoz do CEM, Xavier Groba «Investigación e rendibilidade social do patrimonio rupestre en Vigo».

[21] Costas, F.J. – Domínguez, M. Rodriguez, J.M. «Nuevos Gravados Rupestres en el litoral Sur de la Ría de Vigo» Castrelos nº 3-4 (1990-1991), Vigo 1993, pp. 117-140.

[22] madroñero de la cal, M. Una posibilidad de rastreo de los orígenes de la metalurgia del estaño en España. Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 64, Sada, A Coruña 1994.

[23] «(…) aparecen con certa frecuencia (…) unha serie de ocos de planta rectangular e sección navicular, que algúns autores interpretan -nada desatinadamente- como muiños. Nalgúns casos aparecen illados ainda que se atopan xunto con figuras xeométricas, coviñas, etc. No suposto de tartarse de muiños de man fixos, con forma moi semellante ós portátiles, non podería ser considerados como auténticos petroglifos, xa que terían un caracter utilitario(…)» carballo, X, Luaces, J. e Tosacano MªC. Arqueoloxía, Catálogo do Patrimonio 2. Concello de Vigo, 1998, p. 76.

[24] Ainda que non se publicou ren, téñense novas e probas dunha «cata» arqueolóxica realizada ó redor do muiño rupestre de Auga da Laxe, Monte dos Arruídos, Vincios (coidamos que foi feita durante a catalogación arqueolóxica do concello de Gondomar en 1997). Non sería de estrañar que nada aparecese nesta actuación xa que máis cunha cata arqueolóxica semella foi unha limpeza do perímetro máis immediato da rocha principal, moi lonxe dunha actuación arqueolóxica digna de tal nome.

[25] A estadística complétase cun 3’2% dubidosos. Ademáis dos grupos contabilizados con anterioridade, temos en conta sete grupos dos que non temos referencia bibliográfica (se excepctuamos a interna do CEM). Estes inéditos localízanse en Vigo: 1= O Sucrasto, Navia, Nigrán: 2= Outeiro das Campanas, Camos, 3= Monte Castelo, Camos, Gondomar: 4= Auga da Laxe [Monte dos Arruídos II], Vincios, 5 = «Monte dos Arruídos III», Vincios, 6= Coto da Moura II, Chaín, 7= Coto da Moura III, Chaín.

[26] Vaqueiro Rodriguez, M. «The Hercynical Granitical Caves in the Province of Pontevedra (Galicia-Spain)» The VII Internacional Symposium for Pseudokarst. Rumanía, Arad-Macea-Monease, Octubro 1999 (no prelo)

[27] Seguimos a tipoloxía exposta por Fernandez Pintos, X. «Asociaciones de combinaciones… opus cit. p. 93 (Lámina 1 A )

[28] (Costas,J.B. García,M. Groba;X. Vaqueiro, M. 1996: 1.1) (vidal romani, J.R. 1989: 89-163),

[29] No arquivo arqueolóxico do Museo de Pontevedra tense constancia do Cota da Moura dende o ano 1979: «La roca que da nombre al coto es hueca por dentro y en su interior se encuentran ‘dúas pegadas dos mouros’.» A cita fai referencia o descubrimento deste sitio por Fernando Javier Costas e Jose Manuel Hidalgo Cuñarro (Vid. Garcia alen, A. peña santos, A. de la 1981: 64). O estado das investigacións daquel intre, fan que se avalie o gravado como «presumiblemente figuras de herradura muy modernas (…) tres cazoletas rectangulares, muy bien conservadas, algunos surcos y varias coviñas.» A obra mencionada recolle o informe realizado polos seus descubridores no que tamén din que «el ‘Coto da Moura’ es tambien conocido como ‘Coto do Corazón’, debido a la forma que ha tomado una cavidad existente en la roca producto de la erosión» (Vid. hidalgo, j.m. costas, f.j. 1980: 47); polos mesmos autores vigueses, sabemos que no Cota da Moura «es tradición que hubo hace tiempo ‘un encanto’ en este lugar y que la gente del pueblo iba allí a desencantarlo, mas no fuimos capaces de saber en qué consistía tal encanto». Ó cabo dos anos (Vid. Costas, F.J et allii, 1985: 45-46, 66, 227-229) se apunta que os gravados do interior do Coto son «tres piletas rectangulares de sección navicular longitudinal que presentan rebaje oval en uno de sus extermos» con «algunos surcos y cazoletas». As investigacións de Xulio Fernández PIntos incluíron no seu día este grupo. Así a todo, obras posteriores teñen definido estes Muiños Rupestres como: «cazoletas compuestas, de forma rectangular ambas (…) asemejándose a dos huellas de talón gigantescas» e «huellas de talón» Vid. Soliño Troncoso; M. A. A. Mosquera Veleiro; J.L. Gondomar 1995: 105-106

[30] Descuberto polo CEM en marzo do ano 1997 coincidindo coa apertura da caixa da Autopista do Val Miñor. No arquivo arqueolóxico do Museo de Pontevedra consta a seguinte ficha: «A Lama, Monte do Tarrastal. Outeiro das Campanas. En este outeiro hay señales ‘das ferraduras dos cabalos dos mouros’. Añade el folklore que allí vivieron ‘os mouros’ y que en este sitio hay ‘un forno dos mouros, donde cocían pan’.»En 1981, no xa citado Grabados Rupestres de la Provincia de Pontevedra catalóganse estas «ferraduras dos cabalos dos mouros (…) Probablemente medievales o posteriores» (sic). A ubicación do Outeiro das Campanas é salientable. Tanto polo fermoso do paraxe natural en si mesmo, como polas vistas que se poden admirar dende o sitio, como polas posibilidades do que coidamos un moi interesante xacemento arqueolóxico. A relevancia do Outeiro das Campanas medra se temos en conta o veciño inmediato polo Este: o variado xacemento arqueolóxico das Cháns de Monte Castelo, enclave para o que se ten proposto e solicitado medidas urxentes de protección, investigación e disfrute social xa que no sitio tense o proxecto de construir a única área de servicio da «Vía de Alta Capacidade do Val Miñor», autopista Vigo-Baiona.

[31] VV.AA. Historia de Chandebrito. Coordina: Clube de Espeleoloxía Maúxo. Ed. Concello de Nigrán e Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chandebrito. Nigrán, 1996, p. 55-67.

[32] O xacemento das Tomadas expándese ó sur do Outeiro de Peneites, entre As Ventaniñas e A Laxe Neghra, aportando, logo obras incontroladas no monte: cerámica tosca pre-castrexa, ocre, unha lamela de silex, unha machadiña pulida en fibrolita marmórea e diversa industría lítica en cuarzo (unha lasca de segunda orde de sección triangular, unha posible punta de frecha, etc.). A mámoa de Chan de Rapadouro, logo da súa destrucción, revelou materiais cerámicos campaniformes e outros do Bronce Inicial. Vid. Vid. CEM. Inventario dos Achádegos Arqueolóxicos Mobles atopados na Cavidade de Peneites e o seu entorno: o xacemento arqueolóxico das Tomadas. Chandebrito. Nigrán. Informe do Clube E. Maúxo anexo ó depósito dos achádegos no Museo de Pontevedra, Vigo, setembro 1996.

[33] Costas, F.J. e Hidalgo, J.M. «El petroglifo inédito de armas de Auga da Laxe» Brigantium, 1984. Idem Costas , F. J. et allii Opus cit. p. 50-55, 73-74.

[34] VV.AA. Sistema Granítico de O Folón. Campaña Topográfica.Memoria 1992-1997 Arquivos CEM, Vigo 1997. vaqueiro, M. et allii, «The Hercynian Granitical Caves on the Mountain Maúxo and its surroundings (Province of Pontevedra, Galicia-Spain). Caves in Sandstone and granite. Bayreuth, setembro 1998, Ed. Departamento de Hidroloxía Universidade de Bayreuth (no prelo).

[35] CEM «Os sistemas de cavidades do Folón e Porteliña. Contexto prehistórico e relevancia da zona espeleolóxica G/PO-1. Máuxo, Vigo-Nigrán. Castrelos 9-10, Vigo 1997, pp. 37-54 Hidalgo, J.M. et allii «Nuevos datos sobre prehistoria viguesa: Estudio de los materiales arqueológicos de las cavidades de ‘O Folón» (Coruxo)» Castrelos 9-10, Vigo 1997, pp. 55-80.

[36] VV.AA. A Prehistoria de Cangas. Traballos de Arqueoloxía I. Publicación do Grupo de Arqueoloxía «Alfredo garcía Alén», Gráficas Álvarez, A Guarda 1987. Tamén vid. Suarez Otero, X.»Delyacimiento de A Cunchosa al Neolítico en Galicia. Primera aproximación al contexto cultural de la aparición del megalitismo en Galicia». O Neolítico Atlántico e as orixes do megalitismo. USC, Santiago de Compostela 1997 pp. 485-506.

Lámina 1 Congreso99

Lámina 2 Congreso1999

Relevancia prehistórica das covas graníticas no N-NE do Val Miñor.

Actas do I Congreso Galego de Espeleoloxía (O Barco de Valdeorras-2006).

Ed. Federación Galega de Espeleoloxía, Furada, número especial, 2011, pp. 162-171.

 

Xavier Groba González

Clube Espeleolóxico Maúxo

Resumo:

Entre as covas coñecidas nas freguesías de Camos e Chandebrito (Nigrán) e máis en Vincios e Chaín (Gondomar), destaca un grupo delas por ter gravados no seu interior petroglifos e/ou muiños rupestres; un tipo de durminte ou base para moer a mán propio da cultura rupestre neolítica desta parte da costa galega.

 

INTRODUCIÓN.

Espeleoloxía e arqueoloxía veñen estando cinguidas dende os seus respectivos nacementos como disciplinas científicas. É unha constante universal; case tódalas covas foron visitadas algunha vez e moitas delas foron utilizadas no pasado con distintas finalidades. As covas psedocársticas da Galiza, máis en concreto as graníticas, non tiñan por que ser unha excepción. A propia riqueza arqueolóxica do país, chea de castros, mamoas, petroglifos, etc. o facían de supoñer. E para mostra, as covas desta pequena parte da xeográfia galega do sur das Rías Baixas, cavidades naturais dos montes graníticos da divisoria norte e nordés do Val Miñor, Maúxo, Montecastelo e Serra do Galiñeiro. Paisaxe sur da metrópole de Vigo que resulta ben coñecida do autor grazas á súa veciñanza e pertenza ó clube Maúxo.

Como aclaración previa, cómpre subliñar que tódalas covas aquí tratadas están agardando verdadeiros traballos arqueolóxicos que as avalíen xustamente. Nós, no clube Maúxo, por convencimento, limitámonos á documentación e á loita pola protección daqueles xacementos arqueolóxicos que, recoñecidos á vista, tivemos a sorte de atopar ó chou. Limitados por coherencia, por ser espeleólogos e non arqueólogos ou saqueadores. Así, os restos localizados en covas coma os restos identificados en superficie nas proximidades delas, conlevaron diversas obrigas; como a súa comunicación, rescate, documentación e depósito en museo público.

Adiantemos xa que a relevancia prehistórica destas covas ven dada pola significativa asociación dada entre estas cavidades naturais e algúns tipos de gravados (petroglifos, ideogramas) e máis algúns artefactos (muiños rupestres) propios do singular proceso de neolitización acontecido nesta parte do país. Cómpre pois, clarificar algúns conceptos prehistóricos.

 

 

BREVE APUNTE SOBRE OS PETROGLIFOS GALEGOS

Durante moitos anos, as investigacións sobre os petroglifos galaicos estiveron centradas noutras zonas do país; principalmente resultaron beneficiados os concellos máis próximos ó Museo de Pontevedra[1]. Dende os anos 80 do pasado século XX, e grazas ó labor de moitos investigadores entre os que nos incluímos membros do clube Maúxo[2], o número de petroglifos coñecidos ó sur de Vigo ampliouse enormemente. Así, hoxe, só en Vigo e concellos lindantes do Val Miñor (Nigrán, Gondomar e Baiona) coñécense unhas trescentas rochas con petroglifos, entre os que destacan non poucas obras mestras da arte rupestre europea.

Como acontece noutras zonas, non todos estes petroglifos son prehistóricos. Entre os gravados de época histórica hai exemplos dos tempos da dominación romana, así como gravados medievais, modernos e contemporáneos[3].

En canto a cronoloxía dos petroglifos prehistóricos, que son maioría, na comunidade científica existe unanimidade de opinión ó datalos en tempos post-paleolíticos; de feito, mesmo contando co contradictorio caso de Rei Cintolo en agosto de 2004, non se sabe de cova algunha con arte rupestre paleolitica no actual territorio galego. É a hora de concretar esta cronoloxía post-paleolítica cando a unanimidade desaparece, habendo quen afirma se data esta arte nun intre cultural moi concreto e relativamente breve etapa do proceso de neolitización, na transición do Calcolítico á Idade do Bronce (fai uns catro mil anos) e quen, como o autor, os que consideramos que dentro deste corpus de petroglifos prehistóricos acontece coma cós petroglifos históricos do páis: que non todos foron gravados na mesma época e que, polo tanto, se veñen a gravar petroglifos dende os inicios do Neolítico até a consolidación da Cultura Castrexa.

Sobre os motivos representados, os emprazamentos escollidos e as posibles significacións deste “Grupo Galaico de Arte Rupestre Prehistórica”, ímonos remitir aquí á bibliografía escollida[4] e a xa citada. Con todo, cómpre subliñar que unha das características propias destes petroglifos é a de ubicarse en soportes graníticos localizados ó ar libre. Ben na superfie plana ou lixeiramente encosta de certas laxes, laxóns e penedos –o que é propio de petroglifos de temática abstracta (coviñas, cazoletas e círculos concéntricos, principalmente)- ou ben nas inclinadas paredes rochosas dalgúns penedos e outeiros –soportes máis propios de representacións do chamado bloque naturalista desta arte (armas, cabalos, cervos)-. Nunca en cova.


PETROGLIFOS EN COVAS

Queda dito á cima: por norma, os petroglifos galaicos prehistóricos aparecen gravados en determinadas rochas graníticas da paisaxe, ó ar libre. Coma moito, sábese dalgún petroglifo situado nas proximidades dalgunha cova, tal é o caso da Cova dos Santos, en Freixo, lugar da freguesía viguesa de Valadares[5], onde varias coviñas, un círculo e algunhas cazoletas foron gravadas a só 15 m dirección 240N da cova. O caso non deixa de ser, posiblemente, unha inevitable coincidencia.

Entre os petroglifos históricos si se coñecian algúns casos, poucos, onde se escolleu un soporte ó abeiro da rocha, mesmo baixo dela. Entre os localizados no Val Miñor destacar os d’A Ighléx, no Outeiro do Can na entidade local de Morgadáns, concello de Gondomar e máis o gravado no Abrigheiro da Penisa, no concello de Baiona[6].Casos máis famosos, entroutros, o da Cova das Cruces, Muros.

Centrándonos na arte rupestre prehistórica, onde, repito, os soportes escollidos son por norma exteriores, a ceo aberto, resulta revelador o caso coñececido por nós en 2002, cando grazas a Jose Vila Costas, veciño de Piñeiro, Vincios, demos coa cova d’A Raís (Topografía en Fig. 1.1). A RAÍS localízase na citada freguesía de Vincios, Gondomar, nunha estructura «dómica» lateral desplomada sobre o regato que baixa dos Arruídos Darriba na Serra do Galiñeiro. Na actualidade as augas circulan encaixonadas en depósitos modernos orixinados polo entullo da explotación mineira de pedra que houbo no lugar e o regato só invade temporalmente a galería inferior da cova. Trátase dunha estructura de blocos lateral, posiblemente residual dun sistema de blocos fragmentados. Dada a destrucción parcial da cavidade e a colmatación actual da sala principal, non se pode determinar a presencia de formas de erosión que xustifiquen ou descarten definitivamente a súa inclusión como sistema de blocos fragmentados. Noutro caso, o sistema catalogariase como sistema de blocos rotos[7].

O petroglifo d’A Raís (Planimetría fig.1.2) foi gravado en vertical na parede da sá principal da cova, alomenos en dous intres. Parte, foi feito con instrumental metálico e case con certeza, por varias persoas das que traballaron no lugar facendo canteira e que usaron este espacio, según testemuñas de varios informadores, como refuxio contra mediados do século XX. Xunto a estas representacións de cruces e copón, obsérvanse outros gravados ben distintos. O seu suco non é fresco, arisco, en V, producto do gravado por percusión indirecta e con ferramenta de metal, como é o suco dos gravados recentes. Pola contra, o seu suco ten sección en U, aberta e ben patinada como acontece nos petroglifos claramente prehistóricos da zona. Con todo, é o estilo dalgunhas figuras representadas as que fan máis interesante o caso. Os motivos gravados (Detalle fotográfico en Fig. 1.3) nada teñen de común co propio do “Grupo Galaico de Arte Rupestre Prehistórica” e si se nos antollan semellanzas formais coa arte esquemática post-paleolítica peninsular[8], que sí soe aparecer en cova. Coidamos pois de mérito que nun futuro se poda clarificar o verdadeiro alcance arqueolóxico desta cova xa que, teóricamente, podería tratarse da primeira cova con gravados post-paleolíticos esquemáticos en Galicia.

MUÍÑOS RUPESTRES, ESTADO DA CUESTIÓN.

Baixo a etiqueta de «Muiño Rupestre» defínese un tipo ben concreto de base de moer ou durminte de muiñada a man, que se singulariza por non ser un soporte mobil xa que se moeu directamente sobre superficies graníticas da paisaxe ou ben, hai casos, en soportes graníticos exentos mais de considerable tamaño.

A miúdo os muíños rupestres aparecen asociados con petroglifos prehistóricos. Precisamente, foron algúns investigadore[9] dos petroglifos galegos os que se decataron primeiro da existencia deste tipo de artefacto descrito, nun principio, como unha «escotadura», «cazoleta rectangular», «pileta», «pileta rectangular», «pileta longitudinal de sección navicular»[10]. Deixando á marxe alguns erros interpretativos, que tamén se derón nestes anos[11], cómpre lembrar que o tipo e variantes propias destes artefactos foron cuestións xa clarificadas fai anos por Julio Fernández Pintos[12].

Formalmente, estes muiños caracterízanse por observarse como xunto á «pileta rectangular lonxitudinal de sección navicular» (macrocompoñente) pode dispoñerse un ou dous rebaixes de pranta elíptica, partes máis pequenas e menos profundas (microcompoñentes) con sinais de percusión directa e de arrastre cara a pileta central onde se moeu o producto. Este, a pesar dalgúns intentos analíticos[13], sigue sendo un producto descoñecido, precisamente pola falta de máis estudios. Tamén é típico destes artefactos que aparezan agrupados; varias bases de moer xuntas nun mesmo soporte rochoso. O número de artefactos por grupo varía, dende un só até ós vinta e un que forman o espectacular grupo das Pinisas Pequenas, en Monteferro (Nigrán).

Seguindo o último inventario dispoñible sobre o tema[14], en 1999 coñecianse 174 muíños rupestres distribuídos en 63 grupos. Todos eles en lugares do suroeste das Rías Baixas: Baixo Miño, Serra da Groba, O Morrazo, ría de Vigo e momeadamente nas divisorias montañosas do Val Miñor. No Maúxo son abundantísimos: xa daquela eran 37 grupos, máis da metade dos coñecidos. Dende aquela, son máis os grupos de muiños rupestres que se teñen documentado, tanto nas mencionadas zonas como tamén noutras zonas galegas e portuguesas do Alto Minho[15].

MUIÑOS RUPESTRES EN COVAS.

Dende as primeiras identificacións deste tipo de bases de moenda, a maioría dos investigadores teñen reparado na preferencia por situarse estes en lugares ó abeiro de penedos ou bolos graníticos, e no interior de covas. No Val Miñor, destacan:

PENEITES. En Chandebrito, Nigrán (Topografía en Fig. 2.1) Cova granítica amplamente documentada polos petroglifos e muiños rupestres da zona e do interior da cavidade[16]. Esta, unha pequena cova de bloques rotos formada baixo unha grande laxe desprendida, sitúase na ladeira meridional dun lacolito alcalino con clara tendencia leucocrática e presencia de facies de grano medio-groso e no que predomina certo plano de foliación xenética. En 1996, identificouse a moa dun dos muiños no interior da cavidade[17]: trátase do primeiro exemplo documentado de moa deste tipo de muiño. As condicións do refuxio permitiron conservar pulida até hoxe parte da superficie da moa e a dun dos macrocompoñentes do grupo de muiños. Ramón Fábregas escolleu o lugar para que se realizasen análises de microresiduos, resultando aquí restos de polen de gramínea (Poacea) e fitolitos de fentos[18].

OUTEIRO DAS CAMPANAS. Na banda noroccidental do Montecastelo, á cima do da Lama e do Chouso, en Camos, Nigrán. Trátase dun conxunto de bolos graníticos rotos, fendidos e furados tamén por cacheiras do que a topografía dispoñible[19] non reflexa a totalidade do espacio soterrado de interese. Nunha superficie rochosa solta, mais de grande tamaño e peso, non mobil, atópase o durminte dun muiño rupestre. Facer notar a existencia doutras marcas no lugar. Os dous petroglifos do coñecido xogo “pai-fillo-nai”, ou tres en raia, son recentes (século XX) e foron feitos pola rapaceada que usou o lugar como refuxio; outras marcas, coviña e chanzos gravados que facilitan un paso, son de cronoloxía indeterminada non sendo descartable sexan estes coetáneos do muiño rupestre.

O PENEDO DAS PÍAS. Tamén coñecido con outros nomes por Julio Fdez. Pintos e outros investigadores da prehistória local. Localízase nos Arruídos Darriba, en Vincios, Gondomar, a 500 m ó norte do famoso Penedo das Procesións (Debuxo na Fig. 1.4) e demáis petroglifos de Auga da Laxe, nunha zona rica en xacementos arqueolóxicos de todo tipo[20] e covas como A Touba do Brión, Cobreiras, A Raís ou O Crastelo. O muiños rupestres deste lugar, grandes e fondos, atópanse a ceo aberto mais protexidos polo abeiro do penedo granítico que, como indica seu nome, conta cunhas considerables pías sitas na súa superficie máis alta. Cóntese ademáis, con actividades de cantería que comeron parte da pedra, e posiblemente, do espacio soterrado.

MUIÑOS RUPESTRES CON PETROGLIFOS EN COVAS.

Como xa indicamos, este tipo de muiños soen aparecen asociados con petroglifos prehistóricos. Dos 63 grupos de muiños rupestres inventariados até 1999, o 52 % deles comparten o seu soporte con petroglifos prehistóricos. En 10 casos, algún dos gravados, normalmente unha cazoleta ou coviña, ten selado a pileta do muiño inutilizándoo; o que nos indica que os muiños foron respectados, asimilados no novo concepto non funcional do petroglifo e que, estes muiños, son diacrónicos e anteriores ós petroglifos prehistóricos en cuestión. Así, baixo os postulados máis clásicos da prehistórica, onde os petroglifos se datan na Idade do Bronce, estes muiños serían ¿Calcolíticos?; se coma apuntan algúns autores, a cronoloxía dos petroglifos galegos realmente é calcolítica, estas bases de muiñada serían plenamente neolíticos. Neste contexto é onde adquiren relevancian as seguintes cavidades desta zona:

COTO DA MOURA. (Fig. 2.2) Localízase ós pes occidentais da Serra do Galiñeiro, en Chaín, Gondomar[21]. Nesta paraxe obsérvanse un petroglifo (dun posible serpentiforme) e, a certa distancia, tres grupos de muiños rupestres. Un grupo de muiños rupestres asociados a sucos liñais, coviñas e cazoletas ocupa o solo da cavidade cacheira. Dous grupos máis de muiños rupestres, sen petroglifo asociado, localízanse ó aire libre mais ó abeiro resultante dos bolos graníticos.

A LAPA DOS PIÑEIROS. Recentemente coñecida grazas a Carlos Gómez, veciño de Chandebrito. Trátase dun pequeno outeiro no comunal desta parroquia na encosta a seguir do barrio das Tomadas, nos Piñeiros, xusto á beira da pista pola que se vai a Chan da Barra ou a Peneites por Chan de Leghón. Entre a cantería que sufríu o lugar, dúas cavidades de bloques con cacheiras, unha cun muiño dentro e outra, a chamada Lapa dos Piñeiros I (Fig. 2.3) cun grupo de tres muiños rupestres con gravados prehistóricos e históricos asociados baixo a cacheira.

IGHLEXA DA PIÑEIRA. Cavidade desparecida por traballos de cantería. Localizábase nos Arruídos, en Vincios e foi documentada grazas a memoria oral de varios veciños e veciñas. Non só se documentou a cova, posiblemente de bloques rotos asociados a cacheiras, tamén permitíu coñecer a lembranza de que no interior desta cavidade había tamén un grupo de muiños rupestres asociado a un petroglifo de coviñas. Entroutros, Avelino Otero Fernández, de 86 anos en 2003, conta que nos seus tempos mozos interpretaban as bases de moer dos muiños rupestres como “lavadouros. Neles os mouros lavaban o ouro”[22].

CODA

Non podemos deixar de indicar que neste pseudocarst granítico existen outras cavidades naturais refuxio que contan con muiños rupestres ou /e petroglifos asociados, non ubicados no interior da cova mais si nas súas inmediacións. Nesta parte do Val Miñor os exemplos avaliados máis representativos son os d’Outeiro da Cañoteira (Chandebrito)[23] e o d’O Crastelo (Vincios, Gondomar)[24].

Deixar tamén constancia de que o fenómeno troglodita rupestre se extende por toda a xeografía onde se coñecen este tipo de muiños prehistóricos. A Lapeira de Meixadouro (Cangas do Morrazo), O Xestoso (Vigo) e meritoriamente O Castelo das Furnas (Valença do Minho). Ademáis, de seguro, restan outras covas con este patrimonio arqueolóxico asociado por descubrir.

AGRADECEMENTOS

Estes papeis non poderían existir sen o desinteresado traballo dos meus colegas do clube Maúxo e o das moitas persoas que nestes anos teñen colaborado con nós.

——————————

NOTAS BIBLIOGRÁFICAS.

[1] PEÑA, a. de la e VÁZQUEZ, J. M., Los petroglifos gallegos. Grabados rupestres prehistóricos al aire libre en Galicia. Cadernos do Seminario de Estudios Cerámicos de Sargadelos, nº 30, Sada, A Coruña. GARCÍA; A. e PEÑA, A. de la, (1980) Gravados Rupestres de la Provincia de Pontevedra, Ed. Fundación «Pedro barrié de la Maza», A Coruña.

[2] COSTAS, J. B. e GROBA, X., (1994), «Os Petroglifos do Máuxo (Vigo e Nigrán) El Museo de Pontevedra, XLVIII, Pontevedra, pp.129-231. GROBA, X., (2004), “Patrimonio arqueolóxico asociado”, O Folón (Coruxo) e as outras covas do sur de Vigo. Informe anexo ás solicitudes de catalagoción dos recursos patrimoniais existentes entre os concellos de Vigo e Nigrán (Galicia), Vigo, pp. 31-38.

[3] COSTAS, F. J. e HIDALGO, J. M. (1997), Los Juegos de Tablero en Galicia. Aproximación a los juegos sobre tableros en piedra desde la antigüedad clásica al medievo. Ed. CaltiCar, Vigo.

[4] COSTAS, F. J., HIDALGO, J. M. e PEÑA, A. de la, (1999), Arte Rupestre no sur da ría de Vigo. Arte Rupestre en el sur de la ría de Vigo, Rupestrian art in the sud of ría de Vigo. Ed. Instituto de Estudios Vigueses, Vigo. PEÑA SANTOS, A. De la, e REY GARCÍA; J.M., (2001), “O Tempo do Petroglifos Galaicos”, Petroglifos de Galicia, Vía Láctea Historia, 2001, pp. 104-119.

[5] CLUBE ESPELEOLÓXICO MAÚXO, (2002), Catálogo y Memoria. Arquivos CEM, Vigo. GROBA, X., (2004), “Patrimonio arqueolóxico asociado”, O Folón (Coruxo)… Op. cit.,p. 13-14.

[6] Abrigheiro da Penisa, entre Baíña e Baiona de Fora, concello de Baiona: estudo e topografía CEM en 1998, incluída en CLUBE ESPELEOLÓXICO MAÚXO, (2002), Catálogo y Memoria. Op. cit.,Sobre o lugar d’A Ighléx vid. VAQUEIRO, M. e GROBA, X., (2005), «Catálogo de Cavidades Naturais», As Covas de Vincios, Ed. C. de Montes en Man Común de Vincios, Gondomar, pp. 68-69.

[7] CLUBE ESPELEOLÓXICO MAÚXO, (2003), “Algunhas cavidades naturais da Serra do Galiñeiro”, Revista de Estudios Miñoranos, REM nº 3, Ed. I. Estudios Miñoranos, Gondomar, pp. 129-130. VV. AA. (2005) As Covas de Vincios, Op. cit.,pp. 25-29 e 198.

[8] AGUADO, Mª, (1999), “Pinturas y grabados post-paleolíticos en cueva con contexto funerario”, Cong. Inter. Arte Rupestre, Vigo. Ed. CD-R, Concello de Vigo. SANCHES, M. J., (1990), “Os abrigos com pintura rupestre na Serra dos Passos (Mirandela) no conjunto da arte rupestre desta regiao. Algumas reflexoes”. Rev da Faculdade de Letras de Porto, História, Vol. VII, II Serie, Porto, pp. 335-365.

[9] SUÁREZ, J., (1979), «Os Olleiros, Nova estación de arte rupestre galego». El Museo de Pontevedra XXXIII, Pontevedra, pp. 103-127. GARCÍA A. e PEÑA, A. de la, (1980) Gravados Rupestres de la Provincia de Pontevedra. Pontevedra, pp. 84-85. MARTÍNEZ DO TAMUXE, X., (1982), «Riqueza rupestre en el monte de Torroso», El Museo de Pontevedra XXXVI, Pontevedra, pp. 241-252. HIDALGO, J. M. e COSTAS, F. J., (1980), Prospecciones arqueológicas en los valles del Tea, Alvedosa y Miñor. Publicaciones del Museo ‘Quiñones de León». Vigo 1980, p. 47.

[10] COSTAS, F. J., et alii, (1984), Petroglifos del litoral sur de la ría de Vigo. Publicacións do Museo ‘Quiñones de León», Vigo 1984. En especial vid. pp. 227-231. COSTAS, F. J., e FERNÁNDEZ PINTOS, X., (1987), «Nuevos petroglifos al litoral Sur de la ría de Vigo (Valles Fragoso y Miñor). Revista Castrelos, nº 0, Vigo, p. 68-70.

[11] MADROÑERO DE LA CAL, M., (1994), Una posibilidad de rastreo de los orígenes de la metalurgia del estaño en España. Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 64, Sada, A Coruña.

[12] FERNÁNDEZ PINTOS, J., (1993 [1987]), «Asociaciones de combinaciones circulares a equipos de molienda rupestres en el N.O. peninsular». Actas do VI Coloquio Portuense de Arqueología (1987). LVCERNA. Cadernos de Arq. do Centro de Estudos Humanísticos. IIª Serie. Vol. III. Secretaría de Estado da Cultura. Delegaçao do Norte. Centro de Estudos Humanísticos. Porto, pp. 75-95. COSTAS, F. J., e FERNÁNDEZ, J., (1987), «Nuevos petroglifos al litoral Sur de la ría de Vigo (Valles Fragoso y Miñor). Revista Castrelos, nº 0, Vigo, p. 68-70. FERNÁNDEZ, J., (1990) «Los Molinos Prehistóricos» Atlántico Diario, Vigo 18/02/1990, p. 30. FERNÁNDEZ, J., «Nuevos Petroglifos descubiertos en Vigo» Atlántico Diario, Vigo 04/03/1990, p. 30.

[13] En 2001, fixéronse análises de microresiduos procedentes das piletas de cinco muiños rupestres. En «As Porteliñas 1» [Chan do Rato, Redondela] e mais en A Raíz [Monte dos Arruidos, Gondomar] nada significativo. En «Pedra Cavada» [Coto da Moura, Gondomar] restos de óxidos de ferro e de hiosciamina, un dos componentes activos do beleño, Hyoscyamus sp. En Peneites, detectáronse fitolitos de gramíneas (Poacae) e fitolitos de fentos. Vid. FÁBREGAS, R. (2001) Los Petroglifos y su Contexto: Un ejemplo de la Galicia Meridional. Ed. I. Estudios Vigueses, Vigo, pp. 59-65.

[14] COSTAS, J. B., (1999), «Cavidades naturais e insculturas rupestres no suroeste galego». Congreso Internacional da Arte Rupestre Europea en Vigo, Opus, CD-R, Concello de Vigo.

[15] A maior parte dos novos grupos de muiños rupestres descubertos dende 1999 siguén inéditos. Entre as excepcións si editadas: vid. VILAR PEDREIRA, X. L., (2001), “Os muiños naviculares en soporte fixo”, Revista do Instituto de Estudios Miñoranos, REM, nº 1, Gondomar, pp. 29-33. GROBA, X., (2003), «Prestixioso Patrimonio Rupestre no Instituto». Lerias nº 11, Revista IES «Primeiro de Marzo», Baiona, pp. 7-8. NOVOA, P., et alii (2006), “Gravuras Rupestre Pré-históricas no Concello de Valença”, Boletín Municipal, nº 63, Valença do Minho, pp. 40-43.

[16] Coñecemos Peneites dende 1989 grazas a Julio FERNÁNDEZ PINTOS quen evidentemente, inclúe este lugar nos seus estudios. Vid. FERNÁNDEZ PINTOS, J., op. cit., tamén véxase: COSTAS, J.B. e GROBA, X., (1994), «Os Petroglifos do Máuxo… op. cit., p. 155 e 209. VV. AA., (1996), Historia de Chandebrito. Ed. Concello de Nigrán e Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chandebrito. Nigrán, pp. 55-67. MÉNDEZ, E., (2005) “Cavidades entre a Idade de Bronce e o Paleolítico”, As Covas de Vincios, Op. cit.,p. 194, CARREIRO, Pepe, (2005), O Suceso de Nigrán, Col. Os Bolechas van de viaxe, Ed. A Nosa Terra, Vigo.

[17] A primeira versión da topografía de Peneites foi realizada por M. Vaqueiro e Miguel García, do CEM. O enxoval recuperado de Peneites, xunto co dos xacementos ó ar libre próximos, tamén localizados por aquelas datas por COSTAS, J. B. e GROBA, X. en As Ventaniñas, A Laxe Negra, Presa dos Soldados e Chan de Leghóns, depositados polo CEM no Museo de Pontevedra co nº de rex. 14.719. Vid. COSTAS, J.B. e GROBA, X., (1996), «Inventario dos achádegos arqueolóxicos atopados na cavidade de Peneites e o seu entorno: O xacemento arqueolóxico das Tomadas, Chandebrito, Nigrán». Informe CEM para o Museo de Pontevedra, Vigo, setembro 1996.

[18] FÁBREGAS, R. (2001) Los Petroglifos y su Contexto: Un ejemplo de la Galicia Meridional. Ed. Instituto de Estudios Vigueses, Vigo, pp. 59-65.

[19] No arquivo do Museo de Pontevedra constaba ficha, de ca. 1980. Vid. VAQUEIRO, M. e GROBA, X., (2005), «Catálogo de Cavidades Naturais», As Covas de Vincios, Op. cit.,p. 65-67. Vid. tamén: COSTAS; J.B., GROBA; X., VÁZQUEZ; David., (1997), «Informe e Topografía de Urxencia sobre o xacemento arqueolóxico do Outeiro das Campanas. Camos», Informe CEM do Iº semestre de 1997. Vigo. COSTAS; J.B., GROBA; X., VÁZQUEZ; David., (1997), «Os xacementos arqueolóxicos do Outeiro das Campanas e das Chans de Montecastelo. Camos», Informe CEM do Iº semestre de 1997. Vigo.

[20] VV. AA. (2005), As Covas de Vincios, op. cit., pp. 40-42 e 192-195.

[21] COSTAS, F. J. e HIDALGO, J. M. (1981), Opus cit p. 64. HIDALGO, J. M. e COSTAS, F.J. (1980) Opus cit p. 47. COSTAS, F. J. (1985), op. cit., pp. 45-46, 66, 227-229. As investigacións de Xulio Fernández Pintos incluíron no seu día tamén este grupo. Así a todo, obras posteriores teñen definido estes Muiños Rupestres como: «cazoletas compuestas, de forma rectangular ambas (…) asemejándose a dos huellas de talón gigantescas» e «huellas de talón» Vid. SOLIÑO TRONCOSO, M. / A. / A. e MOSQUERA (1995), Gondomar, arte e territorio, Ed. IrIndo, Vigo. VV. AA. , (2005), As Covas de Vincios, Op. cit.,pp. 57-61.

[22] VV. AA. (2005), As Covas de Vincios, op. cit., pp. 78-79.

[23] VV. AA., (1996), Historia de Chandebrito, op. cit., p. 63.

[24] VV. AA. (2005), As Covas de Vincios, op. cit. pp. 43-45.

Lam 1 X. Groba

Lam 2  X. Groba

 

 

Respuestas

  1. […] Teoría […]


Deja un comentario