OUTEIRO DO PARQUE
PARROQUIA: Oia.
CÓDIGO XACEMENTO: Sen catalogar.
Descuberto recentemente por Chema e Gilberto, membros do IEM (Instituto de Estudos Miñoranos), atópase nun outeiro dentro dos límites do parque forestal de San Miguel de Oia. Voume referir a este petroglifo coma: «Outeiro do Parque», o descoñecer a toponimia deste outeiro, mentres non se lle catalogue co nome axeitado pola súa ubicación.
Consta de dous muíños naviculares ou de soporte fixo, cos seus tres compoñentes e cunha boa profundidade no compoñente central. Podedes atopar un interesante artigo acerca de este tipo de muíños de man, no primeiro volume da revista que editan os arriba mencionados IEM, escrito por Xosé Lois Vilar.
O feito de que, esta inscultura se atope dentro da zoa delimitada do parque forestal, fai que, debido a gran afluencia de persoas o mesmo, perigue a súa integridade debido os actos vandálicos ou danos por descoñecemento do que alí se atopa. Algúns dos petroglifos presentes no Maúxo atópanse en lugares máis escondidos ou inaccesibles, protexendo os mesmos dos vándalos e tamén da agresión que poden sufrir polo paso por riba de unha gran afluencia de visitantes. Por iso ten moita importancia a protección e a concienciación ciudadana necesaria para asegura-la supervivencia destas xoias dos nosos montes.
Deja una respuesta